Ocio e Turismo

Achegarse ao litoral de Vigo é gozar do ambiente natural e do humano, entrelazados caracteristicamente na cidade. O ambiente urbano e a tradición mariñeira se funden cos paraxes naturais e a fauna salvaxe da ría. Esta peculiaridade permite experimentar “in situ” o proceso de extracción, comercialización e consumo dos manxares que o mar nos ofrece.


Traballamos en bancos marisqueiros que forman parte de barrios mariñeiros da cidade (Bouzas, Teis, Canido). Que invitan a ruar, “tapear” e andar de “chiquitas” por fóra dos circuítos turísticos clásicos, as máis das veces tópicos e saturados. Contan con hostalería variada e especializada en mariscos e viños da zona, podendo escoller nun amplo abano dende a tasca máis enxebre ao restaurante máis “estrela michelín”.


Na proximidade existen tamén restos arqueolóxicos, algúns deles musealizados (Finca Mirambell, Museo do Mar), que testemuñan o aproveitamento dos produtos do mar dende hai miles de anos por  parte dos habitantes da contorna.

Unha ruta a pé pola costa, de Bouzas a Cabo Estai; amosa praias, calas e cantís da parte media da ría. Une os lugares singulares do noso litoral sen atascos nin fumes, e permite contemplar a beleza natural e a diversidade do medio mariño.

Invitámoste pois a visitar os bancos marisqueiros onde traballamos, a coñecer o noso oficio e a gozar dos produtos da ría; nun entorno de tradición e modernidade, de cultura milenaria e de beleza natural. Podes achegarte pola túa conta, para o que te ofrecemos este guieiro ou podes contactar con nós para programar unha visita guiada.