Artes de pesca

As ferramentas empregadas no marisqueo a pé varían dependendo da especie, o tipo de traballo (intermareal ou submareal) e ás veces ata vai variar en función do costume do propio mariscador. Estas ferramentas mesmo son obxecto de regulación pola propia Comunidade Autónoma.

Os útiles de aparellos autorizados para a extracción dos moluscos bivalvos no marisuqeo a pé son: sachos, angazos, fouces, ganchelos e calquera outra ferramenta manual que permita remover o sedimento superficial para recoller coas mans os moluscos bivalvos, ademais da rañica ou gancha a pé e a forquita, segundo o Decreto 15/2011 polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aparellos empregados para o marisqueo a pé.
Sacho: é unha das artes máis usadas no marisqueo a pé, aínda que pode sufrir bastantes modificacións dependendo de cada porto, o deseño ven a ser semellante en todos eles. Estes cravanse na area removéndoa e deixando os moluscos a descuberto. O legón e un sacho ca pá mais longa e estreita.

Angazo: ferramenta que consta dun mango cun peite metalico con dentes no extremo que permite remover o sedimento superficial para recoller coas mans os moluscos bivalvos.

Rastro ou gancha a pé: é un raño de pequenas dimensións con lonxitude máxima dos dentes de 15 cm e separación mínima entre varelas de 17 mm. Esta arte está moi extendida en Galicia para o marisqueo a pé e dende embarcación. Utilizase de xeito semellante o angazo pero coa diferencia de que ten un cope feito de varelas metálicas onde quedan retidos os moluscos. Tamén se chama rañica ou raño.

Forquita: consiste nunha platina metálica á cal se unen numerosos dentes lixeiramente curvados. Esta arte manexase mediante dous mangos dispostos formando un ángulo aproximadamente recto. Terá unha lonxitude máxima dos dentes de 34 cm e unha separación mínima entre eles de 12 mm.

Ademáis dos aparellos descritos anteriormente son necesarias botas e traxe de augas cando se está a mariscar na zona intermareal ("a seca") e traxe de neopreno, escarpins e luvas cando se traballa coa gancha dentro da auga.
 
As condicións de traballo adversas (humidade, vento, temperaturas extremas e radiación solar), os riscos de caídas, golpes e cortes, sumado a adopción de posturas forzadas, aplicación de forzas e ciclos de traballo repetitivos provocan a cotío accidentes e doenzas relacionadas coa actividade profesional.
 
Guia de boas prácticas e Saúde laboral no marisqueo a pé publicada polo ISSGA, e froito dun estudo epidemioloxico do marsiqueo a pé e dun traballo técnico e especializado para identificar os riscos da actividade. Contén consellos útiles e sinxelas técnicas preventivas para evitar efectos sobre a saúde e como garante do benestar do colectivo.