Qué facemos?

A Agrupación ten como finalidade a xestión dos recursos marisqueiros e o desenvolvemento de actividades derivadas do exercicio da profesión de mariscador.

Entre os seus obxectivos están:
  • Garantir a explotación racional dos bancos naturais de moluscos bivalvos.
  • Levar a cabo, en rexime controlado, a explotación de moluscos bivalvos no seu ambito de actuación.
  • Incrementar a rendabilidade do esforzo das capturas, que conleve un maior benestar económico e social dos seus membros.
  • Propoñer o plan de explotación para cada campaña.
  • Organizar os traballos de recuperación, sementeira, coidado, vixilancia e control dos bancos marisqueiros obxecto de explotación.
  • Representar, defender e promocionar os intereses socio-económicos dos seus membros.
  • Colaborar coas distintas administracións na loita contra o furtivismo.
O seu ámbito territorial está determinado polos Estatutos da Confraría de Pescadores "San Francisco" de Vigo e comprende dende Punta da Serra (oeste) ata Punta Cubilló (leste). As zonas de explotación quedan reflexadas nos plans de explotación aprobados anualmente pola Consellería do Mar.

Na actualidade os mariscadores/as da Agrupación "Illa de Toralla" teñan autorización para traballar na subzona de explotación GAL 11/04, que se corresponde ca parte media da Ría de Vigo, nos bancos marisqueiros de A Guía, Vulcano, ETEA, Bouzas, Toralla e Canido-Serral.

Durante todo o ano, agás dous meses da primaveira que se fai un "paro biolóxico", vanse extraindo ameixas dos distintos bancos marisqueiros de xeito rotativo para asegurar a sostibilidade do recurso.

Un dos principais problemas o que se afronta a nosa Agrupación, e o marisqueo en xeral en Galicia, é a loita contra o furtivismo. Atópase a cotío xente sen permiso de explotación e allea a Confraría, recollendo moluscos nos bancos de Bouzas e A Guía-ETEA.

Os furtivos non respetan as vedas, nin tamaños mínimos e non poden asegurar a calidade e salubridade do marisco. Perxudican o resto de mariscadores que traballan de xeito legal e poñen en perigo a saúde dos consumidores.

Porén, cumpre facer un esforzo para erradicar das nosas costas os furtivos. Unha das accions máis efectiva é, sen dubida, non mercar marisco fora dos canais de comercialización regulamentarios, exisir sempre a etiqueta de identificación e asegurarse da súa procedencia e forma de extracción. Aínda que en ocasións o produto procedente do furtivismo poda ser máis barato, o longo do tempo esgotará os recursos marisqueiros, encarecendo o seu prezo e perxudicando os propios consumidores.

Para profundizar sobre as actividaes propias do marsiqueo a pé, pódese consultar o Manual de formación para o marisqueo, publicado pola Xunta de Galicia, na sua sección adicada a Producción do marisqueo a pé.